Huevos de gallinas alimentadas a base de maíz

5 receitas de biscoitos caseiros que saben a avoa

Quen pode resistirse ao arrecendo dun biscoito acabado de facer?
Se hai unha sobremesa que cheira a infancia, a tardes na cociña e á casa da avoa, ese é o biscoito. Cada receita garda a súa historia: a desa man experta que medía “a ollo” e ese toque especial que o facía único e irrepetible. O biscoito é unha herdanza deliciosa que pasa de xeración en xeración… e que nunca pasa de moda.

Hoxe é un día perfecto para acender o forno e preparar unha desas receitas de biscoito que saben a fogar. Déixamosche 5 clásicos de sempre, fáciles, caseiros e cheos de sabor.

Trucos-da-avoa

Biscoito de iogur (o do vasito)

O máis clásico, o máis sinxelo e o máis infalible.

Este biscoito de iogur é o de toda a vida: mides todo co vasito e sempre sae ben. Ten un sabor suave, esponxoso e é perfecto para mollar en leite ou café. Ideal para principiantes e perfecto para personalizar, engadindo algunha froita, froitos secos ou chocolate.

Ingredientes:

1 iogur natural (125 g); 3 ovos Demillo; 2 medidas de iogur de azucre; 1 medida de iogur de aceite de xirasol ou de oliva suave; 3 medidas de iogur de fariña; 1 sobre de fermento en po (tipo Royal, 16 g); Reladura de 1 limón (opcional); Unha chisco de sal

Preparación:

Prequenta o forno a 180 °C. Nun bol, mestura o iogur, o azucre, o aceite, a fariña e o fermento. Engade os ovos e mestura ben ata obter unha masa homoxénea e sen grumos. Incorpora a reladura de limón e a chisco de sal, e integra. Verte a masa nun molde engraxado ou forrado con papel vexetal. Fornea durante 35–40 minutos a 180 °C, ata que ao picar cun pauciño saia limpo.

Trucos da avoa:

  • Engade pingas de chocolate, noces ou anaquiños de mazá para darlle un toque diferente.
  • Se usas iogur de limón, potenciarás o sabor cítrico do biscoito.

receitas-de-biscoitos-caseiros

Biscoito de limón (o máis fresco)

Fresco, esponxoso e cun aroma que enche a cociña.

Este biscoito de limón é outro clásico dos clásicos: doado, caseiro e con ese puntiño cítrico que o fai irresistible. E se te animas, podes probar a súa versión con lima e limón para darlle aínda máis personalidade.

Ingredientes:

3 ovos Demillo; 200 g de azucre; 100 ml de aceite de xirasol (ou de oliva suave); 1 iogur natural (125 g); 1 limón (reladura e zume); 200 g de fariña de trigo; 1 sobre de fermento químico; un chisco de sal

Opcional: azucre glas ou glaseado de limón para decorar

Elaboración:

Prequenta o forno a 180 °C. Bate os ovos co azucre ata que a mestura estea espumosa. Engade o aceite, o iogur, o zume e a reladura de limón e mestura ben. Incorpora a fariña, o fermento e o sal peneirados. Verte a masa nun molde engraxado ou forrado e fornea durante 40–45 minutos. Unha vez frío, podes decorar con azucre glas ou glaseado de limón.

Trucos da avoa:

  • Ralla só a parte amarela do limón (a branca amarga).
  • Baña o biscoito cun almibre de limón ao sacalo do forno para máis zume.

Receita_bica_Demillo-sobremesas-galegas

Bica galega (o noso biscoito de nata)

A raíña galega dos biscoitos.

Coa súa miga densa, o seu sabor suave e esa codia azucrada, a bica é un clásico que cheira a festa, a forno de aldea e a sobremesas en familia. A súa textura e sabor convértena nunha receita imprescindible para quen busca un biscoito con carácter.

Ingredientes:

4 ovos (a temperatura ambiente); 400 g de azucre; 200 ml de nata líquida para montar (mín. 35% MG); 200 g de manteiga cocida de vaca (ou manteiga derretida e arrefriada); 400 g de fariña de trigo; 1 sobre de fermento químico; un chisco de sal; azucre para espolvorear por enriba

Elaboración:

Prequenta o forno a 180 °C e forra un molde rectangular. Bate os ovos co azucre ata que a mestura branquexe. Engade a nata e a manteiga derretida mesturando todo ben. Incorpora a fariña peneirada xunto co fermento e o sal. Verte a masa no molde e espolvorea xenerosamente azucre por enriba. Fornea durante 45–50 minutos, ata que a superficie estea dourada e crocante.

Trucos da avoa:

  • Usa manteiga cocida galega auténtica para un sabor máis tradicional.
  • A textura mellora ao día seguinte: podes facela con antelación.

Receitas-de-biscoitos-caseiros

Biscoito marmolado (veta de vainilla e chocolate)

Esponxoso, vistoso e delicioso.

Outro deses clásicos de avoa para as merendas con leite e as tardes sen présa. E con ese toque máxico que se consegue ao cortalo e descubrir os remuíños de chocolate e vainilla.

Ingredientes:

4 ovos; 200 g de azucre; 100 ml de aceite de xirasol ou manteiga derretida; 200 ml de leite; 250 g de fariña de trigo; 1 sobre de fermento químico; 1 culleradiña de extracto de vainilla; 2 culleradas de cacao puro en po (sen azucre); un chisco de sal

Elaboración:

Prequenta o forno a 180 °C. Bate os ovos co azucre ata que a mestura estea espumosa. Engade o aceite (ou manteiga) e o leite e mestura ben. Incorpora a fariña peneirada co fermento e o sal. Divide a masa en dúas partes: a unha engádelle a vainilla, á outra o cacao. Verte as masas no molde en capas alternas e fai remuíños suaves cun pauciño. Fornea durante 40–45 minutos.

Trucos da avoa:

  • Non remexas demasiado para que non se mesturen as cores.
  • Para un debuxo máis bonito, verte as capas sempre no centro do molde.

Receitas-de-biscoitos-caseiros

Biscoito de noz (o crocante irresistible)

Esponxoso por dentro, co toque crocante das noces.

Un biscoito suave, aromático e con ese punto de froitos secos que o fai especial. É perfecto para almorzos, merendas ou como sobremesa de fin de semana.

Ingredientes:

3 ovos; 200 g de azucre; 150 ml de aceite de xirasol ou manteiga fundida; 125 ml de leite; 200 g de fariña de trigo; 100 g de noces anacosadas; 1 sobre de fermento químico (16 g); 1 culleradiña de canela (opcional); un chisco de sal

Opcional: azucre glas ou cobertura de chocolate negro

Elaboración:

Prequenta o forno a 180 °C. Bate os ovos co azucre ata que a mestura branquexe. Engade o aceite (ou manteiga) e o leite, mesturando todo ben. Incorpora a fariña peneirada co fermento, o sal e a canela. Engade as noces anacosadas, reservando algunhas para decorar. Verte a masa nun molde engraxado e decora coas noces por enriba. Fornea durante 35–40 minutos. Deixa arrefriar e decora ao gusto.

Truco da avoa:

Tosta lixeiramente as noces antes de engadilas: realzan o sabor e quedan máis crocantes.

Biscoitos clásicos… cun extra

Os biscoitos de sempre tamén poden sorprender. Para os que se atreven con algo máis: un toque cítrico, froita, unha textura distinta… aquí tes algúns biscoitos con alma de avoa e espírito curioso.

Biscoito de millo, limón e augardente

Biscoito de cereixas

Biscoito de lima e nata

Biscoito de chocolate, noces e chocolate branco

Biscochón galego

Biscoito marmolado de noces e plátano

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.