Huevos de gallinas alimentadas a base de maíz

O millo en Galicia: tradición que alimenta

O 29 de setembro celébrase o Día Mundial do Millo, un cereal que forma parte fundamental da historia de Demillo… e de Galicia. Dende os icónicos hórreos da paisaxe galega ata as receitas que pasan de avoas a netos, o millo foi sempre un alimento esencial, tanto para as nosas familias coma para os animais. Un gran que nos lembra de onde vimos e que segue a alimentar o noso presente.

Millo-en-Galicia

O millo chegou a Galicia a comezos do século XVII, procedente de América, e axiña atopou aquí un lugar ideal para medrar.

Os primeiros cultivos documentados déronse na zona norte, cara a 1630, e en apenas un século xa se estendera por toda a rexión. O seu rendemento e resistencia fixeron que desprazase a cereais como o millo miúdo, ata entón moi presente na alimentación das aves.

Durante xeracións, os hórreos —graneros elevados típicos de Galicia— foron o lugar onde se secaban e gardaban as mazarocas para todo o ano. Parte dese millo destinábase ás galiñas, que o recibían como un alimento enerxético, rico en aceites e pigmentos naturais. Co tempo, este gran consolidouse como unha base importante na dieta das aves de curral en Galicia, grazas aos seus beneficios e á facilidade de almacenaxe.

O millo no refraneiro galego

O millo estivo tan presente na vida rural que ata as vacas teñen refráns ao seu carrego. Un dos máis coñecidos é “Outra vaca no millo”, que naceu de algo moi literal: se unha vaca entraba nun campo de millo, non só o comía, tamén o pisaba, estragando parte da colleita. E como o millo era ouro puro para alimentar a persoas e animais, aquilo era un pequeno desastre.

No Refraneiro galego da vaca (Pedro Benavente Jareño e Xesús Ferro Ruibal, 1994) atopamos outros ditos que amosan a importancia do millo no día a día:

  • “O millo que barbea denantes de San Bartolomeu, é meu; o que barbea despois, é dos bois”. Significa que cando o millo madura antes do 24 de agosto, o agricultor pode aproveitalo, pero se o fai despois, acabarano comendo os animais.
  • “Anda o gando polo millo e durme o peguriño. Cando durme o pegureiro, o gando tralo comareiro”. Refírese a que se o pastor se durme ou se descoida, o gando cóase no millo sen que ninguén o impida.
  • “O pegureiro durmido e as vacas cabe do millo”. Expresa de forma breve que cando o pastor está durmido, as vacas xa están xunto ao millo, listas para entrar e comelo.

Estes refráns non só fan sorrir, tamén nos lembran a vixilancia e o coidado que esixía un cultivo tan valioso para a economía familiar.

Un alimento que marcou a diferenza… e que nós seguimos usando

Coa modernización do campo, foron aparecendo opcións de alimentación máis rápidas e económicas para as granxas. Porén, en Demillo seguimos fieis á tradición: alimentar ás nosas galiñas con millo. Facémolo porque a calidade comeza no que elas comen, e porque sabemos que este cereal, presente nos nosos currais dende hai máis de 300 anos, segue ofrecendo o mellor para o seu benestar e para o sabor do ovo.

O millo na cociña

O millo é tamén parte da nosa cultura gastronómica. Con el prepáranse dende as tradicionais broas e empanadas de millo, ata algúns das sobremesas máis emblemáticas de Galicia, como a Torta de Guitiriz, ou as “papas” que alimentaron xeracións de galegos. A súa versatilidade convérteo en base de pratos doces e salgados, sempre con ese sabor auténtico que nos conecta coa terra. Aquí deixámosche algunhas receitas:

 

Torta de Guitiriz

Biscoito de millo, limón e augardente

Receitas-con-millo

Revoltillo de millo doce

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.