Consellos de avós polo Día dos Avós que nunca pasan de moda
Hai cousas que cambian, pero os consellos dos avós son como as receitas de toda a vida: funcionan hoxe, mañá e sempre.
Este sábado celébrase o Día dos Avós e en Demillo quixemos adiantarnos cunha visita moi especial ao Centro de Día FRAMA, onde recollemos os mellores consellos cheos de sabedoría, agarimo e sentido común.
Porque se algo saben os avós, é vivir con cabeza e con corazón.
1. Nunca deixes de aprender (Pilar)

Pilar decidiu ir á universidade con 40 anos. A psicoloxía espertou a súa curiosidade e demostrou que nunca é tarde para cambiar de camiño. Para ela, cada día é unha oportunidade para aprender algo novo.
“Non teñas medo, se non che gusta o que fas, cambia. As cousas teñen que facerse con ilusión.”
2. Viaxa moito (Manuel)

Manuel percorreu o mundo grazas á súa empresa e non imaxina unha vida sen viaxar. Para el, viaxar abre a mente, ensina a respectar culturas e enriquece a alma.
3. Aforrar é importante (Nena)

“Aforrar é importante e hai que gastar con cabeciña”, repite Nena. Nada de compras impulsivas: pensar antes de abrir a carteira é o que realmente che dá tranquilidade. Aínda que confesa que, cos seus netos, ás veces abrándase… porque hai cousas que tamén se gozan gastando.
4. Namórate coa cabeza de arriba, non coa de abaixo (Pili)

Coa súa chispa habitual, Pili resúmeo así: “O amor non é só paixón, hai que escoller con cabeza”.
Porque, como di ela, quererse a unha mesma tamén significa saber a quen deixas entrar na túa vida. Coidar ese detalle é unha mostra de respecto, e o amor a unha mesma é clave nas relacións saudables.
Consellos de avós que non se esquecen
En Demillo celebramos este Día dos Avós agradecendo cada ensinanza, historia e risa que recollemos na nosa visita ao Centro de Día FRAMA.
Porque os seus consellos, igual que o seu agarimo, son para toda a vida.