5 razóns polas que o ovo é un súper alimento
É un dos produtos máis versátiles e saborosos que podemos levar á nosa cociña, pero, ademais, o ovo é un súper alimento Estas son as razóns polas que é un dos alimentos máis completos e saudables que nos dá a natureza!
Segue lendo e dámosche 5 razóns polas que este súper alimento debería estar sempre na túa lista da compra.
Proteínas de alto valor biolóxico
Un só ovo achega uns seis gramos de proteína e catorce de nutrientes esenciais, que inclúen vitaminas A, B, C,D e E. Isto cobre entre o 5 e o 10% das necesidades diarias de proteína dun adulto. Ademais, as súas proteínas son de alto valor biolóxico, pola cantidade e o equilibrio dos aminoácidos que contén, que non son producidos polo corpo de maneira natural. Aínda que a clara achega máis proteínas, o noso corpo dixire por completo as da xema tanto se están crúas como cociñadas, mentres que as da clara só se aprovéitan por completo cando se cociñan.
E para que serve esta proteína? Para a creación e rexeneración de tecidos, para a conservación da masa muscular ou para o crecemento. Por iso son recomendables para todas as idades, mesmo para grupos con necesidades nutricionais especiais, como as mulleres embarazadas (porque favorecen o desenvolvemento do feto), os bebés, as persoas da terceira idade ou os deportistas.
Unha das mellores fontes de colina
Probablemente moi poucos oiriades falar da colina, pero é un nutriente esencial para o noso corpo. O seu papel é fundamental na memoria, na prevención de enfermidades de corazón ou fígado graxo (entre outras) e no desenvolvemento do cerebro do feto. E a xema de ovo é un dos alimentos máis ricos en colina. Dous ovos proporcionan preto de 250 mg, que é a metade da inxesta diaria de recomendada.
O consumo é especialmente recomendable durante o embarazo porque sobe os niveis plasmáticos do feto. Ademais, xunto co ácido fólico, inflúe no desenvolvemento do sistema nervioso. Tamén aumenta os niveis de leite durante a lactación.
Pero non só é beneficiosa para mulleres xestantes, tamén o é para nenos, adolescentes e adultos porque aumenta a memoria durante os primeiros anos de desenvolvemento, prevén enfermidades como o Alzheimer e axuda ao sistema circulatorio.
Un alto contido en selenio
Outra das razóns pola que o ovo é un súper alimento é polo seu contido en selenio, que fortalece o sistema inmunitario e é un poderoso antioxidante. Este mineral inflúe na produción de ADN, na protección contra as infeccións, na función da tiroides e protexe contra a dexeneración celular. Ademais, algúns estudos aseguran que ten beneficios tamén sobre a saúde cardiovascular.
A cantidade diaria que necesitamos de selenio depende da idade, pero está entre 15 microgramos que necesita un bebé, os 55 microgramos que necesita un adulto de máis de 71 anos e os 70 microgramos que require unha muller embarazada. O ovo achega uns 192 microgramos, polo que supera con fartura as nosas necesidades diarias (adolescentes e adultos poden tomar ata 400 microgramos de selenio ao día sen perigo para a saúde).
Vitamina D para os ósos e o estado de ánimo
A vitamina D axuda ao corpo para dixerir o calcio e o fósforo, contribuíndo así a un desenvolvemento e mantemento adecuado dos ósos. Tamén axuda ao sistema inmunitario á hora de combater virus e bacterias, prevén enfermidades como a osteoporose ou a hipertensión e ten un importante papel como regulador de os neurotransmisores relacionados co estado de ánimo.
A forma máis natural de sintetizar esta vitamina é pola pel, coa exposición á luz do sol. Pero durante o inverno, en zonas moi chuviosas como Galicia ou en persoas que traballan moitas horas en espazos con luz artificial é frecuente ter deficiencia desta vitamina.
A xema do ovo é unha importante fonte de vitamina D. Ademais de achegar colecalciferol (vitamina D3), contén unha cantidade elevada da súa metabolito, a 25- hidroxivitamina D3.
Carotenoides para previr a dexeneración ocular
E para acabar coa nosa selección de razóns que fan do ovo un súper alimento, os carotenoides que contén a xema. Son principalmente luteína e zeaxantina, que son antioxidantes naturais.
Estes pigmentos amarelos (que tamén están relacionados coa cor da xema do ovo) deposítanse na retina e o cristalino e forman unha capa protectora —unha especie de filtro— que absorbe a luz azul. Por isto, os carotenoides axudan a atrasar o envellecemento da retina ou a atrasar o risco de desenvolver cataratas. Tamén hai estudos que a relacionan cun mellor rendemento visual, mellorando o contraste ou a visión borrosa.
¿Necesitas máis razóns para comer ovos?